Avanzan os traballos para a creación dun xardín permacultural en Reque co obxectivo de revitalizar este espazo natural e divulgar técnicas ligadas ao aproveitamento sostíbel dos recursos naturais.

Durante o mes de xuño, construíse un estanque que aproveita a auga do pozo da finca cun circuíto pechado e que se deseñou durante un curso de instalacións hídricas no que participaron unha vintena de especialistas en paisaxismo, xardinería e produción agroecolóxica, así como persoas promotoras de proxectos educativos e audiovisuais, interesadas en
adquirir os coñecementos para desenvolver este tipo de elementos desde unha perspectiva ambiental e de apoio á biodiversidade.

O estanque súmase á espiral de aromáticas e á illa de compostaxe que se realizaron nos últimos meses e avanza na configuración dun xardín permacultural didáctico, que pretende servir como espello para outros
proxectos de rexeneración de espazos naturais. O proxecto continuará nos vindeiros meses coa creación dun “bosque comestible”, bancais de plantas medicinais, o deseño dun camiño sensorial e un baño composteiro.

O deputado Efrén Castro sinalou “que o Lugar de Reque se está a converter nun espazo de referencia para a aprendizaxe e a difusión de coñecementos que procuran o uso sostíbel dos recursos en todos os ámbitos, desde a alimentación e a agricultura ata a produción de enerxía ou a construción”.

Na visita participou tamén a concelleira de Cultura do Concello de Lugo Maite Ferreiro que valorou “a revitalización deste espazo na contorna da cidade baixo a premisa do respecto ao medio natural” e sinalou que “coa avance dos traballos, se abren novas posibilidades para o seu aproveitamento lúdico e cultural”

Ademais de avanzar na transformación física da parcela, ao redor do proxecto permacultural impulsado pola Vicepresidencia da Deputacón de Lugo impartíronse xornadas e cursos nos que se abordaron diferentes técnicas e proxectos. En total, desde comezos de 2022, desenvolvéronse 19 formacións coa participación de 750 alumnas e alumnos.