Fotografía – A profesora da USC Lugo Pilar Vázquez Tato gaña “A Ciencia en Imaxe”.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocaron o IX Concurso “A Ciencia en Imaxe”. 

Neste certame prémianse fotografías e vídeos divulgativos de calquera contido relacionado coas Ciencias. Diríxese á comunidade universitaria da Universidade de Santiago e, como novidade desta edición, tamén á dos centros de Ensino Medio de Galicia nos que se imparte ESO e Bacharelato. 

Os premios desta edición entregáronse na Aula Magna da facultade de Física durante o acto de celebración da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias.

Na modalidade de fotografía, a gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, foi Pilar Vázquez Tato, profesora e investigadora da facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (Campus de Lugo).

A súa imaxe, titulada “Unha pinga de Ciencia”, amosa unha pinga de auga esférica que reflicte, a xeito de espello, matraces de laboratorio. “A refracción
da luz fai que as pingas se comporten como unha lupa e mirando a través delas vese unha imaxe virada. Por iso, e co fin de ver con máis claridade os matraces recheos con colorantes químicos, volteouse a escena” -explica a autora da instantánea-.

O segundo galardón desta categoría, premiado con 100 euros, recau en Enaitz Busto Ziarreta, alumno da facultade de Bioloxía da USC. A súa fotografía “A curiosidade matou á mosca”, mostra unha mosca morta dentro dunha flor.