O Museo Provincial de Lugo acolle a colección de Álvaro Gil Varela con obras de Zurbarán, Murillo, ou Sorolla

Colección Álvaro Gil Varela

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde inaugurou este xoves a exposición  Colección Álvaro Gil Varela. Paixón pola Arte, que estará aberta ata o 15 de abril no Museo Provincial de Lugo. Por primeira vez esta colección exponse na provincia de Lugo, a través da coñecida relación que mantén a Deputación coa familia Gil Varela, que achega de forma gratuíta parte da súa destacada colección de arte propiedade da familia ao Museo Provincial, na que podemos desfrutar de obras de pintores da historia da arte tan importantes como Zurbarán, Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales, entre outros artistas.

“esta colección é unha verdadeira mostra da paixón que tiña Álvaro Gil pola beleza e pola arte. Un home como sinala a súa neta “cunha grande dimensión humana, xeneroso na modestia, fiel aos seus amigos, aos seus seres queridos e orgulloso das súas orixes, defensor de Galicia e de todo o galego, legounos por encima de todo o amor á nosa terra e o orgullo das nosas orixes”. – Campos Conde –

colección de Álvaro Gil Varela

PAIXÓN POLA ARTE reúne obras atribuídas a 37 pintores e 3 escultores, a maior parte deles presentes en importantes museos de España, como o Museo do Prado, o MNCARS ou o Thyssen-Bornemisza, en pinacotecas doutros países europeos e tamén en prestixiosas coleccións americanas. En total exhíbense 44 pinturas e 5 esculturas de gran valor

Trátase de pezas moi seleccionadas datadas do século XVI ao XX, que responden a requisitos e valores obxectivos pero tamén, loxicamente, ás particulares inquietudes estéticas e mesmo a certo interese decorativo para desfrute e contemplación no ámbito doméstico e familiar.

Os autores que aparecen nesta colección son: Mestre da Calzada, José de Ribera, Francisco de Zurbarán, Bartolomé E. Murillo, Francisco Collantes, José Antolínez, Francisco Rizi, José Gutiérrez de la Vega, Juan Valdés Leal, Acisclo Antonio Palomino, Lucas van Gassel, Sebastian Gessa Arias, Cornelis de Heem, Bernardo Polo, Juan de Arellano, Bartolomeu Pérez da Dehesa, Pedro de Camprobín, William Horlor, Henry Barraud, Ricardo Arenys Galdón, Eduardo Rosales, Ramón Martí Alsina, Ignacio Zuloaga, Joaquín Sorolla, Santiago Rusiñol, Joaquín de Sunyer, Valentín de Zubiaurre, José Gutiérrez Solana, Josep Mompou, Rafael Durancamps, Xosé Eiroa, Marino Amaya, Luis Mosquera, Abraham Storck, Rafael Zabaleta, Hendrich Mommers, José Planes Peñalver, James Webb, William Shayer el Viejo.

Horario de visitas MPLugo

 

 Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.

 Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.

 Domingos e festivos: 11 a 14 h.

 Entrada gratuíta

VISITAS GUIDADAS GRATUITAS todos os mércores, días 7, 14, 21 e 28 de marzo, 4 e 11 de abril), ás 19:00 horas, e non precisan inscrición previa.