lunes, julio 4, 2022
Cargando Eventos

« Todos los Eventos

  • Este evento ha pasado.

Presentación do libro: The Making Of

19 de diciembre, 2018 - 20:00

Despois de seis anos, Xavier Alcalá volve á novela con The Making of, onde se conta a historia
de Alfredo Mosquera, o Coghomelo, un emigrante e delincuente no Buenos Aires
da década de 1930, xogador e servidor de “casa de tolerancia”, colaborador cos círculos de
apoio ao Terceiro Reich na cidade de Comodoro Rivadavia durante a Segunda Guerra Mundial.
Un innominado escritor de profesión allea á literaria recibe dun compañeiro de traballo a petición de que investigue sobre a morte do seu avó na Patagonia. O azar, que marca os fitos da narración, fai que o escritor sexa amigo do Cholo, un xornalista galego con boas relacións naquelas latitudes.

Desa maneira, o escritor vai descubrir a historia de Alfredo Mosquera, o Coghomelo.
Seguindo o dito de Henry James “Show, don’t tell”, The Making of mostra as orixes da novela,
a recompilación do material narrativo, o xeito en que os fíos dispersos da historia —documentos
policiais, testemuños, rumores case esquecidos— van chegando pouco a pouco ás mans do
escritor innominado, ao tempo que a novela expón diante do lector a traxicomedia do
Coghomelo, quen, coma un actor malpocado, nos deixa asistir á representación da súa vida: unha historia chea de ruído e furia, contada por un idiota e que non significa nada.
Na que é unha das grandes novelas tardomodernas da literatura galega, Xavier Alcalá consegue
trazar maxistralmente o retrato dun sobrevivente, dun xogador de fortuna, un pícaro, sen
perder un ápice de autenticidade e viveza, enguedellando o lector na que é a aventura oculta da
emigración galega na Arxentina.

Novela dentro da novela, sarcástica, corrosiva, ás veces case brutal, The Making of dá conta
—nunha esmorga consagrada ao pracer de narrar— de como os fíos da literatura de cerna se
tecen coas febras do Mal.

XAVIER ALCALÁ (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de telecomunicacións, amais
de colaborar na prensa, actualmente en La Voz de Galicia. Instalado en Galicia desde a
nenez, iniciou a súa obra literaria con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), á que ían
seguir títulos coma A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere
verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996) e Alén da desventura, coa que obtería
o Premio Blanco Amor en 1998. Tamén é autor da triloxía “Evanxélica memoria”, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007). En 2012, publicou a novela Verde oliva sobre a revolución castrista en Cuba.

Detalles

Fecha:
19 de diciembre, 2018
Hora:
20:00
Categoría del Evento:

Local

O Vello Cárcere
Av. Alcalde Anxo López Pérez, 10
Lugo, Lugo 27002 Spain
Teléfono:
982 29 71 95
X