NOV 2017 

Fonte: GaliciaDigital
O luns 30 de outubro tivo lugar na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Granada a inauguración da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Neste acto participaron Marisa Fernández Lorenzo, lectora do Centro de Estudos Galegos de Granada, Fernanda Alves Cardoso, profesora de portugués da Facultade de Filosofía e Letras, e Antonio Giz en representación de GaliciaDigital, e asistiron os alumnos de galego da Facultade. Ademais, presentáronse a reedición do folleto que recolle os contidos completos da exposición, e a segunda edición da Antoloxía Poética de Manuel Rodríguez López, coordinada por Xesús Alonso Montero e por Santiago Rodríguez.

A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Deputación Provincial de Lugo, a Real Academia Galega, e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Esta exposición itinerante percorreu xa numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, a Universidade de Extremadura, e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León ou Vitoria, e o ano pasado chegou a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades de Braga e Algarve, o que supón un fito moi importante no desenvolvemento e expansión deste proxecto
Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.
Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e da nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXII edición.