«Siro. Retrospectiva, 1970-2017»
Refectorio do MPLugo  (do 25 de setembro ao 5 de novembro de 2017)
Horario de visitas: Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.  Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.  Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

«SIRO. Restrospectiva, 1970 – 2017» constitúe a primeira retrospectiva que se fai deste artista e pretende dar a coñecer a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos do noso país.

Nela amósase unha ampla escolma da súa extensa obra: debuxo, deseño (foi o autor do proxecto da praza do Humor da Coruña), pintura, caricatura, etc., sen esquecer a súa actividade como escritor, eido no que cultivou xéneros como a narrativa, o teatro e, sobre todo, o ensaio.

Sobre Siro:

Web oficial

SIRO LÓPEZ LORENZO, nado en Ferrol en 1943, é un polifacético artista cunha actividade que abrangue a caricatura, a ilustración, a pintura e o deseño, ademais da súa faceta como escritor.

De formación autodidacta (de cativo, pintar e debuxar era o que máis lle gustaba facer) dáse a coñecer, en 1970, na revista Chan, da man de Borobó. Herdeiro de Castelao, pero creador dun estilo propio, Siro é, ante todo, un humorista gráfico. Un humorista que, ao longo de case 50 anos, soubo reflectir de forma cómica a realidade histórica, social e cultural de Galicia e de España. A través das súas colaboracións diarias na prensa, sobre todo no xornal La Voz de Galicia, Siro foi desvelando en clave de humor o acontecer diario da vida política española a través dos seus debuxos, debuxos caracterizados tamén polo seu valor artístico.

Pero Siro non se limitou á caricatura e ao humorismo gráfico, senón que, como bo artista que é, foi ampliando os seus horizontes artísticos para incluír a paisaxe e o retrato e, máis recentemente, o debuxo con Ipad.

Autor dunha extensa obra gráfica, destacan os seus álbums: Os pecados capitais; 18 espidos de muller; Xente na brétema; In saecula saecularem, amen; Probes homes, Debuxos de humor, Cofrades do Cristo  da Autonomía, A Autonomía galega nas caricaturas de Siro, etc.

SIRO. Restrospectiva, 1970 – 2017 é un proxecto da Rede Museística da Deputación de Lugo que se pode visualizar no Museo Provincial de Lugo, no Museo Pazo de Tor, no Museo Fortaleza de San Paio de Narla e no Museo Provincial do Mar.

Fonte e + info: Rede Museística Provincial de Lugo
Fonte das imaxes: Web oficial de Siro