NOV 2017  O emsemble L’Imaginaire,  de Estrasburgo, ofrecerá este xoves 23, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o concerto ‘Recoller cascallos’, unha intervención incluída no programa de concertos do ciclo Do Audible 2017 e na que interpretarán composicións de Filippo Perocco, Andrea Sarto e Nicolas Mondon. A entrada é libre de balde ata completar aforo

Esta formación traballa coas obras de compositores contemporáneos como o faría un comisario de arte, pensando os proxectos en detalle, para interpretalos da mellor maneira e integralos no seu repertorio. É un grupo no que os creadores atopan intérpretes entregados, dispostos a desenvolver novos conceptos musicais como parte dunha acción colectiva.

«L’Imaginaire est un ensemble de musique de chambre contemporaine qui milite
 pour une manière sans cesse renouvelée d’approcher la musique à travers des concerts innovants, des commandes d’œuvres nouvelles et une pédagogie pointue. L’exigence artistique et la transmission de l’émotion musicale sont au cœur de la démarche de l’Imaginaireweb oficial

Os compositores seleccionados para o concerto ‘Recoller cascallos’ son:

Filippo Perocco (1973) é un dos compositores italianos máis importantes da súa xeración. A súa peza Detriti da canti precari caracterízase por un devir fragmentado, no que os elementos do conxunto instrumental se dividen en partes, conectados a unha sonoridade fráxil. A presenza do músico, o espazo e o sentimento temporal desconectado da peza forman parte dunha dramaturxia musical que conxuga unha forma rapsódica cunha escritura detallada.

Andrea Sarto (1979) compuxo Toccata para L’Imaginaire en 2016. Concibiu a peza sobre a idea do xesto musical; a repetición dos movementos físicos xeran ruídos e sons complexos. Xunto aos movementos do corpo, as respiracións regulares dos músicos tamén forman parte da estrutura da peza, que se relaciona coa esencia mesma da fisioloxía da produción sonora.

Nicolas Mondon escribiu Trio tamén en 2016. Nesta peza para piano, frauta e saxofón, o piano utilízase como elemento crucial do conxunto: a multifonía, os perfís melódicos e os ritmos forman parte dun rico e colorido vocabulario musical que evoca a John Cage, Lachenmann e Pesson. Esas pezas forman parte da produción musical máis contemporánea e dan unha mostra importante das novas tendencias na composición.

Soundcloud


Comparte este artigo nas túas redes