O próximo sábado, 16 de xaneiro de 2021, ás 20:15 h. estarán en concerto o Cuarteto Quiroga – Premio Nacional de Música 2018 – no Círculo das Artes de Lugo, dentro da programación da Sociedad Filarmónica. 

Para asistir será preciso reservar as localidades. Compre reservalas por correo electrónico no enderezo: filarmonicadelugo@gmail.com ou chamando por teléfono ao número 982 230 805

O Cuarteto Quiroga está formado por: 

Aitor Hevia | violín

Cibrán Sierra | violín

Josep Puchades | viola

Helena Poggio | violonchelo

O Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música 2018, cuarteto residente no Museo Cerralbo de Madrid e responsable durante anos da Colección Palatina de Stradivarius decorados do Palacio Real, está considerado hoxe como un dos grupos máis singulares e activos da nova xeración europea, internacionalmente recoñecido entre crítica e público pola forte personalidade do seu carácter como grupo e polas súas interpretacións audaces e renovadoras.

O grupo naceu coa vontade de render homenaxe ao gran violinista galego Manuel Quiroga, un dos instrumentistas máis importantes da nosa historia musical.

Formados con Rainer Schmidt, Walter Levin e Hatto Beyerle (cuartetos Hagen, LaSalle e Alban Berg) na Escuela Reina Sofia, a Musikhochschule de Basilea, e a European Chamber Music Academy (ECMA), na súa personalidade musical influíron tamén mestres como György Kurtág, Ferenc Rados, András Keller, Eberhard Feltz e Johannes Meissl. Galardoado nos máis prestixiosos concursos internacionais para cuarteto (Bordeos, Paolo Borciani, Pequín, Xenebra, París, etc.), é habitual das salas máis importantes do escenario camerístico internacional (Wigmore Hall London, Philarmonie Berlin, Frick Collection e Lincoln Center New York, Mozarteum Salzburg, Invalides Paris, Auditorio Nacional Madrid, Heidelberger Frühling, National Gallery Washington DC, Amsterdam String Quartet Biennial, Concertgebouw Amsterdam, Da Camera Los Angeles, Martinu Hall Praga, Nybrokajen Estocolmo, Stadtcasino Basel, etc.). En 2007 recibiu o Premio Ojo Crítico de RNE e en 2006 a Medalla de Ouro do Palau de Barcelona. Comparte escenario con músicos da altura de Martha Argerich, Javier Perianes, Jörg Widmann, Richard Lester, Vladimir Mendelssohn, Alain Meunier, David Kadouch e membros dos cuartetos Alban Berg, Hagen, Meta4, Casals, Doric, Arcanto, Galatea e Ardeo, entre outros.

Fortemente implicados coa ensinanza da música de cámara, desempeñan o seu labor en prestixiosas institucións superiores: Conservatorio Superior de Música de Aragón (Aitor Hevia), Universidade Mozarteum de Salzburgo (Cibrán Sierra), Musikene (Josep Puchades) e Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (Helena Poggio). Ademais, dan clase cada ano no Curso Internacional de Llanes e son invitados regularmente a impartir clases na JONDE e en Conservatorios Superiores e Universidades de toda Europa, EUA e América Latina.

O seu primeiro disco, Statements, recolleu o aplauso unánime da crítica especializada e foi galardoado co Premio ao Mellor Álbum 2012 pola Unión Fonográfica Independente. Os seus seguintes traballos, publicados en Cobra Records –(R)evolutions, dedicado á música temperá da Segunda Escola de Viena, Frei Aber Einsam, dedicado aos cuartetos Opus 51 de Johannes Brahms, Terra, con obras de Bartók, Halffter e Ginastera–, Heritage (que recupera obras de cámara esenciais do Madrid de Goya) e a súa colaboración discográfica con Javier Perianes para Harmonia Mundi, dedicada aos quintetos para piano e cordas de Granados e Turina, recolleron múltiples premios e recoñecementos en revistas como Scherzo, Ritmo, Melómano (España), The Strad, Gramophone, BBC Music Magazine (UK), Pizzicato (Luxemburgo), Luister (Holanda) e en medios como Radio France (Disco recomendado), NDR-Deutschland (Disco do Ano), Klara Belgium (Disco do Mes), ICMA (finalista 2017) etc.

 

Concerto do Cuarteto Quiroga - Premio Nacional de Música - en Lugo