Fonte: Gabinete Com. Deputación

NOV 2017 A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este xoves 09 de novembro no CENTRAD (Centro de Artesanía e Deseño), a programación de outono que ofrece o Goberno da Deputación para realizar obradoiros de xoiaría, coiro, cestería, madeira e encadernación. Os interesados deben inscribirse no correo electrónico, formacion.centrad@deputacionlugo.org ou no telefono 982 21 00 66.

A Deputada avanzou que son un “total de 36 prazas ás que se ofertan nos diferentes obradoiros co fin de dar resposta á demanda, e tamén para dar a oportunidade a calquera persoa, sen ser profesional da artesanía co fin de que poida coñecer de preto estes oficios, e incluso realizar algunha peza, como é o caso dos obradoiros de xoiaría ou coiro que nos que poderán elaborar pezas propias e únicas. Polo tanto convertese nunha oportunidade única para coñecer oficios tradicionais, e ao mesmo tempo unha boa oportunidade para poñelos en valor”, resumiu.

Obradoiro de Xoiaría
Terá lugar dende o 20 de novembro ao 1 de decembro, e dende o 11 ao 13 de decembro.
O horario para impartilo será de 16:30 a 20:30 horas no CENTRAD, cunha duración de 52 horas para 6 alumnos.
Os alumnos que participen, e que conta cunha matricula de 26 euros, obterán coñecementos sobre introdución ás técnicas básicas e nos procedementos básicos de fabricación de xoias e aprender a bocetar un deseño. Ademais os participantes poderán experimentar a fabricación dunha peza propia.

Curso de coiro
Os 10 alumnos coñecerán os diferentes tipos de coiro e as ferramentas máis comúns para crear un taller. As datas nas que se celebrará será dende o 20 ao 29 de novembro, dende ás 16:00 a 21:00 horas, e ten un custo de 20 euros. Ademais os participantes poderán realizar exercicios prácticos con distintas técnicas de cosido e a realización de pezas.

Obradoiro de iniciación da cestería
Celebrarase dende o 11 ao 15 de novembro no Taller de cestería do Río Rato, de luns a venres dende ás 09:00 a 14:00 horas, nun total de 25 horas que se impartirán a 10 alumnos, e conta cunha matricula de 12;50 euros. Neste Obradoiro haberá unha breve reseña histórica deste patrimonio etnográfico galego. Os asistentes tamén poderán realizar unha peza de cestería.

Curso de madeira
Os docentes do CENTRAD, Joao Fernandes de Vrito e Alvaro Fernández Ferreiro impartirán un curso de madeira, concretamente de taller de moble. Celebrarase dende 22 ao 1, e dende 11 ata o 21 de decembro, cun horario dende ás 09:00 a 13:00 horas, os alumnos deberán achegar unha matricula de 40,50 euros. Neste Obradoiro realizaranse desmontaxe de ferraxes, decapado de aire quente, reparación de ebanistería, tratamento contra a couza ou tinguidura de madeira.

Curso de encadernación
E por último curso de encadernación, da man de Diego López Villar, dende 11 ao 15, e dende o 18 ao 21 de decembro, nun horario de 10:00 a 13:00 horas, cun custe de 13,50 euros. Neste taller os asistentes coñecerán a encadernación xaponesa, a carpeta de anelas e o álbum de fotos.

Inscricións
Todos os interesados poden realizar a inscrición no correo electrónico, formacion.centrad@deputacionlugo.org, ou no teléfono 982 21 00 66. Os participantes nestes obradoiros deberán indicar no correo electrónico os seguintes datos; nome e apelidos, teléfono de contacto e indicar en cal das 5 programacións quere participar (xoiaría, coiro, cestería, madeira e encadernación). Na páxina web da Deputación haberá un banner con toda a información destes cursos.

Comparte este artigo nas túas redes, difunde o que se pode facer e faese en Lugo