Lugo prepárase un ano máis para revivir o seu pasado co Arde Lvcvs, e como antesala a esta festa, declarada de Interese Turístico Nacional, o Concello e as asociacións de recreación histórica do municipio teñen preparadas medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, o  Arde Lvcvs Cvltvral, que presentou este venres, no patio do Vello Cárcere, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. No acto tamén estiveron presentes representantes das asociacións Mercenarios Galaicos, Caetra Lucensium, Guardia Pretoriana, Senatus Lucus Augusti e Salesiani Luci Augusti.

Carmen Basadre puxo en valor este traballo previo como parte importante tanto para preparar o ambiente para o Arde Lucus, que se celebrará o 15, 16 e 17 de xuño, como para a difusión e o coñecemento do pobo romano e castrexo. Esta programación lúdico cultural, aberta e gratuíta, arrincará o 10 de marzo cun obradoiro de danza romana, impartido por Juan Carlos Zaera na Aula de Danza da USC, e rematará o 13 de xuño cunha conferencia do foro romano, pasando por obradoiros artesanais, andainas e cine, entre outros.

Entre as novidades desta edición destacan os paseos por Lugo con Paulo Fabio Máximo, que acompañado polo seus lictores descubrirá a historia de Lugo. Serán os segundos sábados de mes de marzo, abril, maio e xuño. A saída é, en todos os casos, ás 11:30 horas, dende o Miliario da Praza Armañá.

Do mesmo xeito, para esta edición está programado o I Encontro de banda deseñada histórica de Galicia, coa participación dos ilustradores Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e Manuel Cráneo. Este encontro contempla tres charlas (unha sobre o proceso técnico e creativo da banda deseñada, outro sobre a cultura castreña e outra sobre Roma) e dous obradoiros, para aprender a debuxar romanos e castrexos -un para adultos e outros para rapaces e rapazas-, que terán lugar no MIHL no mes de abril.

O Balneario de Lugo converterase en escenario sobre as intrigas políticas romanas. Será o 5 de maio, a partir das 12:00 horas. Eduardo Tomé Cortón ofrecerá unha conferencia sobre curiosidades do Senado Romano. A continuación, representantes do Senatus de Lucus Augusti representarán nas Termas A conxura senatorial. Ese mesmo día, na Ponte Romana, Tir na N´Og fará un achegamento á cultura castrexa, ás 14:00 horas. Xa en xornada de tarde, celebrase a Festa Beltayne, dende as 17:00 ás 19:30 horas, coas asociacións Mercenarios Galicos e Clan de Breogán. Para pechar o día, Xavier Gómez ofrecerá unha conferencia sobre ocio e diversión na antiga Roma.

Obradoiros coas asociación

No que se refire aos obradoiros, ofrécense as alternativas, a maiores da danza, de teatro, elaboración de máscara romana, tambores, traxes e complementos, lucernas ou olería. As Asemblearias de Lucus Augusti ofrecerán a oportunidade de coñecer os mosaicos, a Guardia Preotriana a de fabricar unha espada, a Cohors III Lucensium de converterse nun lexionario e Civitas Lucensis de elaborar vestimenta, todo elo no mes de marzo.

En abril, Salesiani Luci Augusti concovará o seu segundo concurso fotográfico. Para este mesmo mes, Ara Roma, Clan de Breogán, Pax Romana, Caetra Lucensium, Vestais de Lucus Augusti e Terra Copora teñen preparados talleres sobre templos, augures e sibilias, unha camiñada polo paseo do Rato, un obradoiro de escritura e caligrafía romana, unha conferencia sobre a mediciña en Roma, un taller sobre a decoración dunha domus e unha xornada sobre a cultura castrexa, respectivamente.

No mes de maio, os obradoiros serán a cargo de Trebas Galaicas (petrogrifos), Caetra Lucensium (moedas) e peiteado, espadas e escudos (Lucus Equites). Pola súa banda, Salesiani Luci Augusti realizará unha exposición sobre costumes e vida romana no salón de actos do colexio Divina Pastora Salesianos de Lugo.

Ciclo de cine arqueolóxico

Tal e como avanzou Carmen Basadre, a programación inclúe un ciclo de cine arqueolóxico, no auditorio do Vello Cárcere. Será ás 19:00 horas os días 13 e 20 de maio, e o 3 de xuño. Todas as persoas interesadas poderán gozar coas proxeccións de A arte breve: o cirurxián de Ariminum, La Pompeya británica de la Edad del Bronce e La tumba de Gengis Kan, el secreto desvelado. O día 26 de maio, a partir das 20:30 será a quenda do videoclip El llanto del Lábaro, coa colaboración de Clan de Breogán e Cohors III Lucensium.

Ciclo de conferencias

O Vello Cárcere tamén será testemuña de distintas charlas de temática histórica o mes de xuño. O día 8, Carlos Fernández Rodríguez contará as curiosidades da gandería caza e animais de compañía na Galicia Romana; o 11, o arqueólogo Xurxo Ayán falará sobre Memorias dun esquelete: etnoarqueoloxía no campo santo medieval do castro de San Lourenzo en Cereixa e o día 12, Rafael María Rodríguez ofrecerá unha charla sobre o xacemento da Lanzada, Pontevedra. Remata o ciclo e a programación a conferencia de Covadonga Carreño contando a historia da primeira praza pública de Lugo: o foro romano. Todas elas serán ás 20:00 horas.

Como todos os anos, o Concello convocará o concurso de escaparatismo e celebrará os xogos romanos de taboleiro. Ademais, como vén sendo habitual nas últimas edicións, AFAPAN porá a venda pan romano, de 11:00 a 14:00 horas, o 17 de maio.

Enmarcada nesta programación tamén está un desfile romano e castrexo, o día 20 de maio, dende as 16:30 ata as 18:00 horas, na Praza Maior.

A inscrición para todas as actividades farase no Servizo de Información 010 do Concello, ou no 982-29-73-50 para os de fóra de Lugo. Para máis información, www.lugo.gal ou no 010.