O Arde Lucus vén de obter a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, logo de que a finais do ano pasado o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.

A rexedora, Lara Méndez, acompañada polo concelleiro Mauricio Repetto, e por integrantes dos colectivos de recreación histórica da cidade – tanto castrexos como romanos – compareceu para dar conta do recoñecemento que, en primeira instancia, atribuíu “ao labor e implicación do tecido asociativo que converteu esta celebración local nunha cita única en España”.

“É aos e ás lucenses que cada edición e durante todo o ano traballan de forma infatigable para recrear con fidelidade as nosas orixes, aos que compre atribuír a obtención desta distinción”, afirmou Méndez entre grandes mostras de emoción por parte de todas as persoas asistentes.

A mandataria lucense fixo extensiva a súa gratitude non só ás 19 asociacións de recreación histórica que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias, senón tamén a moitas outras persoas que mobilizan a amigos e familiares e que cooperan na preparación de actividades programadas. Como decisivo é tamén o traballo que levan a cabo os distintos sectores da cidade, os patrocinadores e tamén os centros educativos, así como o equipo técnico municipal”.

Cartel anunciador do Arde Lvcvs 2023

Foto: Gab. Com. Concello de Lugo